Sunday 19 de May de 2024

O sexto Salón Turístico de Galicia e a terceira edición de Festur celebráronse esta fin de semana no marco da Semana Verde


Os asistentes puideron coñecer os principais atractivos da Comunidade, como o Camiño de Santiago, e as peculiaridades dos 14 xeodestinos

Esta fin de semana Silleda acolleu a sexta edición do Salón Turístico de Galicia (Turexpo) e a terceira edición da Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) no marco da 39ª Feira Internacional Abanca Semana Verde, o maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular.

Grazas a Turexpo, os visitantes que se achegaron ata ao recinto feiral puideron informarse sobre a oferta turística global da Comunidade na área expositiva instalada por Turismo de Galicia. Neste espazo presentáronse os principais atractivos da Comunidade, como o Camiño de Santiago, as peculiaridades naturais, culturais e gastronómicas dos 14 xeodestinos e a singularidade das festas populares.

Aproveitouse a ocasión para promocionar os novos produtos que Turismo de Galicia puxo en marcha recentemente para desestacionalizar a demanda turística, como a Ruta da Lamprea, o novo itinerario dos cruceiros costeiros polas rías galegas ou as novas edicións de exitosas iniciativas como o Outono Gastronómico, as Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño ou os Trens Turísticos.

Punto de encontro do sector
Ademais de promocionar a oferta turística galega de cara ao público en xeral, Turexpo foi punto de encontro para o sector, constituíndo unha efectiva plataforma de negocio e de comercialización internacional do destino Galicia.

Estivo en marcha, un ano máis, a bolsa de contratación turística, que xa é un referente e permitiu dar a coñecer os produtos e servizos turísticos galegos aos 30 turoperadores de 10 países distintos que asistiron este ano para captar as propostas turísticas que poden comercializar ao público final nos seus lugares de orixe.

Neste sentido, os turoperadores, ademais de manter preto de 1.280 reunións de traballo cunhas 80 empresas da Comunidade, realizaron varias viaxes de familiarización polas terras galegas. Desde o venres visitaron lugares como o Casco Histórico de Pontevedra, Vigo, as Illas Cíes, Baiona e Compostela.

Festur e folleto de festas de interese turístico
Os asistentes tamén puideron coñecer a oferta de Festur, un atractivo escaparate de moitas das celebracións galegas recoñecidas como de interese turístico polas súas significacións culturais ou gastronómicas. Estas festas son máis de 100 na Comunidade e 6 delas foron declaradas neste ano 2016: a Pantín Classic Galicia Pro de Valdoviño, a Feira do Queixo do Cebreiro, a Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei, o Entroido de Vilariño de Conso, a Feira do Viño do Rosal e a Festa do Viño do Condado.

Tamén se aproveitou o encontro para repartir o novo folleto de festas de interese turístico editado por Turismo de Galicia, no cal se recollen os principais datos das celebracións galegas así declaradas a nivel comunitario, estatal e internacional.

O libriño, do que se editaron 13.000 exemplares en galego, castelán e inglés, inclúe unha descrición de cada evento, resaltando o aspecto máis destacado do mesmo, a súa data de celebración, imaxes representativas da súa celebración e un mapa no que se sitúan todas as festas.